Saturday 04 de May de 2024

A Biblioteca da Xunta na Coruña “Miguel González Garcés” dedica as sesións infantís de marzo aos Días da Muller, da Poesía e do Teatro


— Na segunda quincena haberá tamén un obradoiro enmarcado no Día da narración oral dirixido a público adulto

— O espectáculo familiar en lingua de signos en colaboración coa Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia abre as actividades do mes o sábado 5

— A maiores, instálanse novas mostras bibliográficas arredor do Día internacional da muller, do Entroido e de medidas anticrise

A Biblioteca Pública da Xunta na Coruña ‘Miguel González Garcés’ dedica as sesións infantís de marzo ás principais efemérides do mes, centradas na muller, o día 8, na poesía, o 21, e no teatro, o 27. Pola súa banda, o público adulto celebrará o Día da narración oral, cun obradoiro ao longo da segunda quincena. Xunto a estas actividades conmemorativas haberá as habituais propostas, como o espectáculo familiar en lingua de signos, o obradoiro de escrita, as visitas guiadas, a formación para usuarios ou os clubs de lectura. Tamén se van instalar novas mostras bibliográficas e permanece a exposición centrada en María Casares. A axenda do centro bibliotecario pode consultarse na súa web.

Así, o sábado 12, no marco do Día internacional da muller, Olga Cuervo ofrecerá o espectáculo de narración oral Elas tamén contan, dirixido á rapazada de catro a 12 anos. Trátase das historias de tres nenas que se enlazan arredor da mensaxe de que quen loita polos seus soños, os consegue. Esta efeméride conmemórase tamén cunha mostra bibliográfica na que se exporán diversos documentos relacionados coa visibilización das mulleres na historia, a ruptura de roles e estereotipos de xénero ou a prevención de violencia de xénero, entre outros temas. Permanecerá no vestíbulo do centro bibliotecario ata finais de mes.

Na xornada do 19, adiantándose ao Día mundial da poesía, Ramiro Neira protagonizará a sesión Verbas encadeadas, dirixida a público infantil de catro a 12 anos e na que formarán ritmos e rimas para xogar e cantar. Na semana seguinte, o día 26, o teatro será o protagonista coa montaxe de Trinke Trinke O cole de Lonxetodo, para cativada de tres a oito anos.

Todas as sesións infantís teñen lugar ás 12,00 horas e complétanse co espectáculo familiar en lingua de signos que, como vén sendo habitual, se programa para o primeiro sábado do mes en colaboración coa Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia.

Obradoiros para público adulto
Para o público adulto haberá unha actividade de achegamento á cultura oral, co gallo da celebración do Día da narración oral o 20 de marzo. Trátase dun obradoiro impartido pola voluntaria cultural Michelle Tatiana Nieves Cáceres, no que, a partir da lectura de mitos e lendas das culturas galega, española e latinoamericana, se realizará un fanzine. Desenvolverase nas tardes dos martes e dos xoves durante a segunda quincena.

Ademais, os venres haberá novas sesións do obradoiro de escrita creativa impartido por María Jesús Molina Raspal e de formación sobre os recursos e servizos da biblioteca, os mércores 16 e 23. Tamén continúan as visitas guiadas os martes e xoves.

Outra das celebracións do mes, o Entroido, terá o seu espazo na biblioteca cunha escolma de libros e contos que se situará no Sala Infantil. A maiores das propostas arredor das efemérides e das actividades continuas, instalarase a mostra bibliográfica Medidas anticrise. Ambas permanecerán ata finais de mes.
Finalmente, cómpre salientar que ata decembro pode visitarse a exposición María Casares, residente privilexiada, enmarcada na programación da Xunta para conmemorar o centenario da actriz. A través de 200 fondos propios do espazo bibliotecario, como publicacións, fotografías ou filmes, a iniciativa achégalle á cidadanía esta figura universal cun percorrido pola súa vida e contorna familiar.